Lembranzas do Principal

Data de publicación: 5 de Decembro de 2005
Category: atlantico, lugares, media, revival

lembranzas_do_principal

Chegou decembro e rematou o mes de Cineuropa, tamén coñecido como de mes de Santos ou Brumario no calendario republicano.

Chegou decembro e con fin das proxeccións chegan as saudades e lembranzas que deixa o mellor cine. Camiño de novo polas pegadas inmborrábeis das películas que marcan a miña vida. Esas esceas, esas frases, esa música…

- Le mari de la coiffeuse (O home da perruqueira), de Patrice Leconte, coa Anna Galienna que me namorou (amor fou, amor fou… que máis dá!) e esa marabillosa música de Michael Nyman que me permite gozar, todas e cada unha das veces que a vexo, cos bailes estrambóticos de Jean Rochefort.

- Tango (Mateina porque era miña - Tango), outra película de Leconte que malia a non aparecer entre as mellores del a min pareceume especialmente brillante, o suficiente como para recordala tanto tempo despois. Jean Rochefort a escena de novo, e tamén Philippe Noiret, que logo me deslumbraría en Il Postino (O carteiro e Pablo Neruda).

- Delicatessen, a primeira e corrosiva e delirante fantasía de Caro e Jaunet, moi superior do meu punto de vista ás subseguintes La Cité des enfants perdus (A cidade dos nenos perdidos), Un long dimanche de fiançailles (Longo domingo de noivado), e se me apuras até mellor que a deliciosa pero para o meu gusto demasiado intrascendente Le Fabuleux destin d’Amélie Poulain (Amelie).

- The Usual suspects (Sospeitosos habituais), unha película neghra como a morte, desas nas que nunca a intensidade do visionado volverá a ser como a da primeira vez. Kaizer Sozé (léase con seseo de Fisterra): o personaxe doblemente de ficción máis terríbel da historia do cinema. Para min a mellor interpretación de Kevin Spacey xunto ás de American Beauty, The Big Kahuna (O peixe gordo) e L.A. Confidential, aínda que me faltan por ver aínda algúns outros filmes seus daquela época…

- Benny & Joon, e é que non podo evitalo. Sou un incondicional de Johnny Depp, Mary é a rapaza que eu quixera ter por compañeira de butaca no Principal, e Canadá é a parte de Norteamética da que máis gusto. Sorrí, unha debilidade.

- Sostiene Pereira, quéroa independentemente de que o libro che pareza ben ou mal. É o comezo da despedida de Marcelo Mastroiani, aínda que o adeus definitivo déillo en Viagem ao Princípio do Mundo, onde podes escoitar falar á velha do Gerês igualiño que as velhas de aquem Minho. Lisboa é o mellor decorado do mundo mundial para unha película. Compróbao senón en Lisbon Story de Wim Wenders.

- Stealing Beauty (Beleza Roubada), si, xa sei, non é o mellor de Bertolucci. Pero está a bohemia, a Toscana, e sobre todas as cousas está Liv Tyler dando brincos co discman. Paga a pena demorar unha cita por quedarse a vela…

- The Secret of Roan Inish (O misterio da illa das focas), unha rareza na fimografía de de John Sayles. Moi ben podería chamarse o Tesouro da Illa de Ons. Para min esta película, xunto coa máis recente Mar Adentro de Alejandro Amenábar, é a que mellor retrata a miña realidade, a nosa realidade, este País (malia estar ambientada na Irlanda norteña). Unha historia entranábel e telúrica, para nenos e para adultos. De obrigada visión en todos os colexios públicos de Galiza. Manolo Dios, apunta.

A memoria éche así. Nin sequera podo asegurar que as vise en Cineuropa e no Principal. Pero prefiro lembralas dese xeito todas xuntas, na bruma dos recordos que envolve o que somos e que sempre levarei comigo.

Esta anotación publicouse o Luns 5 de Decembro de 2005 ás 1.18 pm e arquivouse en atlantico, lugares, media, revival. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.

Un comentario a “Lembranzas do Principal”

#1

[…] Xa falei nunha anotación anterior da miña admiración polo filme de John Sayles The secret of Roan Inish (aquí traducida por ‘O segredo da Illa das Focas’), admiración que a través dos blogues descubrín que partillaba con Manuel Gago. A película está baseada nun relato infantil de Rosalie K. Frye, unha muller de Vancouver (Canadá) que viviu en Gales e Inglaterra durante o século pasado, e da que é moi difícil encontrar cousas na rede. Tamén pintaba cadros e fíxose famosa sobre todo a raíz da película. Antes diso o libro recibiu outros dous títulos, nos EUA empregouse o topónimo gaélico Ron Mor Skerry e no Reino Unido Child of the Western Islands. […]

Deixa unha resposta