Ao celtismo pola xenética
Comecei este blog falando da querencia do pobo irlandés por estas cálidas paraxes do Sur. Ben, xa sabedes que esa só e unha parte da historia. É o xeito que teñen aló de expresar a saudade e a morriña pola terra de onde procedían os seus antergos. Esta é a outra parte.
Si, estou a falar de Brath, Breagon, Ith e Bile, Mil e a súa prole. A nosa particular lista de reis; celtas no canto de godos. Porén, algo de realidade hai nisto.
A poboación da metade norte do continente europeo, incluídas as illas, provén da metade sur. Esta teoría remítese ao fin da última glaciación, período a partir do cal os continxentes humanos repoboarían a metade norte en continuas e sucesivas migracións desde o sur.
Existen argumentos científicos baseados na xenética. O que aquí comento (se non o interpretei mal) non fala tanto de relacións ou de vínculos, senón de diversidade. Isto é, a permeabilidade ou impermeabilidade dos humanos asentados nun territorio ao longo do tempo. Este gráfico tireino dun artigo aloxado aquí, no que participaba xente do Instituto de Medicina Legal da USC.
O que se fixo foi medir a presenza de determinados haplogrupos no ADN ao longo dunha mostra de milheiros de persoas (existen base de datos centralizadas e partilladas polos/as investigadores/as). Pódese ver que a poboación do territorio Galiza (GA) ten un grao de diversidade moi semellante ao de Gales (WA), Escocia (SC), Irlanda (IR), e, en menor medida, ao resto das nacións celtas. Pero, aléndiso, vese que Islandia (IC) e Suecia (SE) tamén andan moi perto. A razón é que os continxentes humanos que poboaron o noroccidente europeo proviñan do propio suroccidente europeo, e partillan as mesmas características xenéticas.
Como noutras cousas, moitas e boas, os Bascos (BA) sáense.
Topónimos
De verdade aínda non falei nunca no blo deste miña primeira e máis vella afección?
Comecei, coma en case todo o que me gusta, de xeito autodidacta. Non se trataba de saber a orixe ou o porqué dos nomes dos lugares onde vivía, non. Foi máis ben a curiosidade a que me levou a atopar sentido e coherencia nas identidades e proximidades lingüísticas do galego e do portugués, e aque me inclinou a xogar coas relacións lóxicas entre palabras, étimos e demais. Tamén me moveu, non o nego, un certo ánimo de xustiza histórica: endereitar a desfeita deturpadora da toponimia galega.
Así fun creando as miñas propias teorías; algunhas risíbeis hoxe, outras asombrosamente certeiras (cando menos para min, que non son filólogo, historiador nin nada polo estilo).
Lin artigos e cousas moi raras por aí; a peor, unha publicación do Anuario Brigantino, innecesariamente técnica e francamente tediosa. Todo o contrario dun texto divulgativo.
Asistín a algunha conferencia; lembro unha en Portas Ártabras, hai uns anos, cando traballaba na Coruña, dun home que era mestre e estivera varios anos no Brasil. Alí viu a luz, dixo, aprendeu máis do galego aló que en Lisboa, onde tamén residira algunha vez. Non lembro o nome del, mágoa.
Merquei dous libros; ambos de Fernando Cabeza Quiles: Os nomes de lugar. Topónimos de Galicia: a súa orixe e o seu significado (Vigo: Xerais, 1992) e Os nomes da terra. Topónimos galegos (Noia: Toxosoutos, 2000). Deste teño dous exemplares, pois meu pai regaloumo sen saber que o comprara. E é que xa daquela lle tiña rompido a cabeza algunha vez coas miñas deduccións e teorías.
Sempre que viaxo dun lado a outro do País, e mesmo fóra, a teima toponímica é o único pasatempo que invariabelmente me acompaña. Contemplo os indicadores dos lugares e tento inducir e deducir relacións de xeito case automático.
Tiña un pouco esquecido este costume, até que hai un meses dei con este MAGNÍFICO blog: Toponímia Galego-Portuguesa e Brasileira, da autoría dun médico português chamado José Cunha Oliveira. Alí aprendín en moi pouco tempo case tanto como cos libros de Cabeza Quiles, e vou aproveitando para remoer con el algúns topónimos galegos. O blog so ten unha pexa: non está licenzado baixo Creative Commons. Se sigo escribindo nel vou ter que acabar por convencelo de que adopte o noso Copiceibe.
O comentario que deixou Lúa lembroume que, efectivamente, hai un equipo científico de traballo, capitaneado por Gonzalo Navaza e formado por xente abondo preparada, investigando a nosa toponimia (tamén a micro). Non sei se Gonzalo Navaza ten blog. A torre de derrota é un libro seu que conecta moi ben coa esencia lúdica da toponimia e das palabras en xeral. Hai un blo homónimo, A Torre da Derrota, pero semella ser doutra autoría.
Xa hai varios anos que escoitei que estaban preparando unha sorte de dicionario de topónimos, do que nunca máis souben. É un libro valioso moi esperado, sen dúbida. Pero confésovos que dame algo de medo. Un dos maiores atractivos deste pasatempo meu é que de cando en vez tamén se lle pode levar a contraria aos estudosos aplicando só o sentido común e algo de coñecemento do idioma. Acho que o interesante sería unha especie de wiki onde todas as posibilidades críbeis sobre a orixe ou significado dos topónimos máis opacos foran recollidas e contrastadas por especialistas. A miña experiencia me demostra que varias cabezas van máis aló do que unha, sobre todo neste terreo, e que desa forma teríase unha ferramenta moi didáctica e divulgativa que axudaría á nosa xente a coñecer e aprender o seu pasado.
Estas son outras ligazóns de interese para quen queirades profundar nisto:
- Toponimia oficial – Nomenclátor
- Celtiberia.net
- Xenealoxía.org
- … (indícame algunha que coñezas)
Un consello. Isto da toponimia ten a ver co sentido común, co instinto, coa arte, coa mística, coa lóxica e coa imaxinación. É un divertimento para mentes inquietas. Pero seguro que encontrades quen lle dea moito, moito valor.
queimada.es
Lume lumiña,
que verde camiña
da frag’á lareira
e faise lumeira.
Lume de quentura
prá nosa fartura;
lume bençoada
que roda a queimada.Pingota de orballo
folla de carballo;
auga do agoiro
mel do fervedoiro.
Cerqueira de lume,
sen trasno nin fume;
nin bruxa chuchona,
nin meiga dentona.
Rolar muiñeiro,
chiscar faisqueiro;
moxena lumiosa,
vagalume rosa;
viradoira de lus
faremos a crus.Polo ar da sorte
que escorrenta a morte;
pola auga da vida
que sanda a ferida;
pola herba moura
que busca a tesoura;
pola pedra do raio
que mata o meigallo.
Lume, lume, lume;
lume lumeada
para aloumiñar
a queimada queimada,
na vira virada
do burbullear.Polo San Silvestre
de pao de cipestre
chaga de San Roque,
can e palitroque.
Polo San Andrés
e, polo Sant-Iago,
nun reviravés,
queimada che fago,
e, queimada, es.XOSÉ MARÍA PÉREZ PARALLÉ
O esconxuro máis auténtico da queimada, o menos ghastado e que non rende dereitos de autor coma o outro
Natureza viva
Há dias
nos que Mar non ten altura
nen horizonte
Só parsimónia
Sol é a memória dun circo
E o sonido
non é do Mar
É o zunido
dun vello animal motorizado
que sulca ao lonxe
a tua boca
en dobrando o Prioriño.
Días de radio
Pois si. Velaquí o meu agasallo de Nadal pra todos/as vós. Aquí ao lado, á esquerda. Un radiobló cortesía de radioblog “tuneado” grazas a este titorial.
Un sempre desexou pasar o Nadal na praia (lebrades a miña primeira transmisión), así que como un ano máis iso non vai ser posíbel regálovos un pouco de música brasileira coa que transportase aló. A min funcióname. Probade.
Por se non vos destes conta, tendes máis abaixo á esquerda a sección Ondas, onde podedes experimentar outros radioblós que fun xuntando ao navegar pola rede galega.
A miña primeira selección de 10 temas está entresacada dunha transmisión anterior. Quería que esa fose a música de baile da voda de meu irmán. Pero gañáronme pola man Los Rodríguez no valse e Rosendo na barra libre. Que se lle vai facer.
Pensei en poñer a indispensábel e inesquecíbel “Last Christmas” de WHAM, pero por sorte para vós resistín a tentación. Eses 80…! Outro ano, se callar.
Boas festas a tutti quanti.
COPE+Teo
En Cataluña se está amenazando de muerte a quien critica la política de la Generalitat, y a Maragall eso no le preocupa lo más mínimo.
ERC está compuesta por terroristas sin arrepentir y éstos a su vez tienen un entorno, criminal, del que siempre se han nutrido.
El nuevo Estatuto catalán significa el final de la Constitución y las libertades democráticas para sustituirlas por un régimen nacional socialista.
Montilla quiere fundar otra vez el GAL [...] para matar periodistas incómodos.
CADEA COPE / FEDERICO JIMÉNEZ LOSANTOS
Cantos blos / blogues / blogs hai en galego?
Esta é unha nova versión dunha transmisión que publiquei hai uns días
Varias persoas veñen traballando no labor de recenseamento de blogues en galego. Tal é o de Ascárida, que ao parecer ficou encargado/a de realizar un reconto dos blogues o ano pasado, con ocasión da primeira xantanza de blogueiros/as. Outros casos son os de Blogaliza / Blogomillo e Lantania, ou, cun método máis artesanal e semellante ao meu, o da Dorfunteca.
Veño de entrar nun grupo de traballo en GoogleGroups no que estamos estas persoas e ao que convidamos a toda persoa con curiosidade ou interese pola cuestión.
Non se trata só de contar ou de manter unha base de datos. Trátase de reforzar a comunidade de internautas no noso idioma e, tamén, de ir pondo os cimentos da Web 2.0 e transcender a virtualidade fortalecendo as redes sociais galegas e en galego.
Froito deste encontro casual na rede das persoas con inquietudes entorno a un obxectivo máis ou menos común, veño de distribuir o meu censo nesa listaxe de correo e recolócoa aquí, na Calidonia.
Comprobarás que a primeira estimación que realizara, de 399 blogues + 1, foi rapidamente superada en poucos días grazas á navegación voyeurista de novas ligazóns, e grazas tamén ás mensaxes que a xente foi deixando nos comentarios. A cifra que deixo agora colocada atinxe os 534 blogues, moi perto dos 555 que prognosticara para acabar o ano
Porén, isto está moi lonxe da realidade e fica moito territorio/maritorio sen explorar. Ascárida vén de anunciar 910 blogues, e hai moitos outro sitios onde procurar, como ben di Catu?. E isto non fai máis que medrar. Non sei se dentro dun ano haberá 10.000, pero si que teremos novos blogus, fotoblogues, radioblogues e videoblogues funcionando.
No meu censo hai blogues e fotoblogues, blogues en galego normativo e en galego reintegracionista, blogues en galego 100% ou bi-pluri-multi-lingües, blogues feitos en Galiza e escritos fóra dela, blogues notorios e blogues anónimos, blogues individuais e portais colectivos…
Non incluín os que feitos na Galiza non empregan o galego. Os nomes que utilicei son os dos títulos que encabezan o blog, e no seu defecto o do enderezo URL no que se atopan. Asociei adrede queles blogues que tiñan unha clara correspondencia cun blog máis antigo, e non contabilicei tampouco os fotoblogues que se correspondían cun blog xa censado. Por último, hai páxinas das que non sei sequera se un técnico podería dicir se son un non un blog, e nese caso a decisión baseouse na existencia dun sistema de sindicación de contidos.
Despois do Nadal, se hai tempo, presentarei algunhas estatísticas sobre os datos que teño recompilados.
Se Domingo Fontán vise isto…
A procura do noso ser no mundo virtual, do autorecoñecemento da comunidade blogueira en galego, ocupa cada vez máis esforzos de maís xente (incluído moi).
Veño de descubrir que Lantania argallou un invento botando man das tecnoloxías SIG do GoogleMap para mostrar o noso apego á Terra, e nalgún caso ao Océano (incluído moi).
Non deixedes de visitalo aquí e de facerlle chegar máis datos para localizar os vosos blos.
Lembranzas do Principal
Chegou decembro e rematou o mes de Cineuropa, tamén coñecido como de mes de Santos ou Brumario no calendario republicano.
Chegou decembro e con fin das proxeccións chegan as saudades e lembranzas que deixa o mellor cine. Camiño de novo polas pegadas inmborrábeis das películas que marcan a miña vida. Esas esceas, esas frases, esa música…
- Le mari de la coiffeuse (O home da perruqueira), de Patrice Leconte, coa Anna Galienna que me namorou (amor fou, amor fou… que máis dá!) e esa marabillosa música de Michael Nyman que me permite gozar, todas e cada unha das veces que a vexo, cos bailes estrambóticos de Jean Rochefort.
- Tango (Mateina porque era miña – Tango), outra película de Leconte que malia a non aparecer entre as mellores del a min pareceume especialmente brillante, o suficiente como para recordala tanto tempo despois. Jean Rochefort a escena de novo, e tamén Philippe Noiret, que logo me deslumbraría en Il Postino (O carteiro e Pablo Neruda).
- Delicatessen, a primeira e corrosiva e delirante fantasía de Caro e Jaunet, moi superior do meu punto de vista ás subseguintes La Cité des enfants perdus (A cidade dos nenos perdidos), Un long dimanche de fiançailles (Longo domingo de noivado), e se me apuras até mellor que a deliciosa pero para o meu gusto demasiado intrascendente Le Fabuleux destin d’Amélie Poulain (Amelie).
- The Usual suspects (Sospeitosos habituais), unha película neghra como a morte, desas nas que nunca a intensidade do visionado volverá a ser como a da primeira vez. Kaizer Sozé (léase con seseo de Fisterra): o personaxe doblemente de ficción máis terríbel da historia do cinema. Para min a mellor interpretación de Kevin Spacey xunto ás de American Beauty, The Big Kahuna (O peixe gordo) e L.A. Confidential, aínda que me faltan por ver aínda algúns outros filmes seus daquela época…
- Benny & Joon, e é que non podo evitalo. Sou un incondicional de Johnny Depp, Mary é a rapaza que eu quixera ter por compañeira de butaca no Principal, e Canadá é a parte de Norteamética da que máis gusto. Sorrí, unha debilidade.
- Sostiene Pereira, quéroa independentemente de que o libro che pareza ben ou mal. É o comezo da despedida de Marcelo Mastroiani, aínda que o adeus definitivo déillo en Viagem ao Princípio do Mundo, onde podes escoitar falar á velha do Gerês igualiño que as velhas de aquem Minho. Lisboa é o mellor decorado do mundo mundial para unha película. Compróbao senón en Lisbon Story de Wim Wenders.
- Stealing Beauty (Beleza Roubada), si, xa sei, non é o mellor de Bertolucci. Pero está a bohemia, a Toscana, e sobre todas as cousas está Liv Tyler dando brincos co discman. Paga a pena demorar unha cita por quedarse a vela…
- The Secret of Roan Inish (O misterio da illa das focas), unha rareza na fimografía de de John Sayles. Moi ben podería chamarse o Tesouro da Illa de Ons. Para min esta película, xunto coa máis recente Mar Adentro de Alejandro Amenábar, é a que mellor retrata a miña realidade, a nosa realidade, este País (malia estar ambientada na Irlanda norteña). Unha historia entranábel e telúrica, para nenos e para adultos. De obrigada visión en todos os colexios públicos de Galiza. Manolo Dios, apunta.
A memoria éche así. Nin sequera podo asegurar que as vise en Cineuropa e no Principal. Pero prefiro lembralas dese xeito todas xuntas, na bruma dos recordos que envolve o que somos e que sempre levarei comigo.






