Sempre fica unha luz que nunca se apaga

Outra noite que me dan as tantas sen deitarme. Xa van varios días que ando co sono cambiado, e a miña cara loce dende entón unhas magníficas olleiras que aínda entristecen máis a miña apariencia. Hai a quen lle parecen atractivas. A min si polo menos.

É inútil que intente deitarme cedo, non sería quen a durmir. Normalmente prefiro tontear fronte á televisión no sofá a botar horas deitado na cama ollando a escuras para o teito, escoitando os ruídos que atravesan os tabiques. Hoxe só poñían unha película de Ken Loach, pero como xa a vin dúas veces non tiven máis remedio que recollerme.

Antes de botar as cortiñas asomo a cabeza pola fiestra do patio. Do baixo ás bufardas persianas, tendedoiros, ventás... todas simetricamente situadas, mais non hai dúas iguais. Hai que ver a de cousas que acontecen entre catro paredes de cemento ennegrecidas pola humidade. A estas horas a única luz que se ve é a da miña lámpada. Descubrilo afonda na miña soidade e obrígame a pensar noutra cousa. Ollo cara arriba buscando o ceo. É o único xeito de saber cal é o devalo da lúa ou se brilla o sol pola mañá. Non hai hipótese. Todo escuro e comeza a chover.

Non podo durmir. Estas xanelas de aluminio non impiden que o son da auga chegue aos meus oídos e anegue a miña consciencia. Desvelado por completo entretéñome descifrando a secuencia coa que rompen as pingas contra os plásticos da roupa. Cando parece que xa teño o compás unha pingueira traicioneira aquí ou alá fai anacos a fráxil orde do meu pensamento e, sen saber como, atópome lonxe da cama, noutro lugar...

Segue sendo noite, pero menos. Estou dentro dun coche e fóra cae o orballo, os vidros abafados e unha ventaniña algo aberta para escoitar o murmurio do mar ao deitarse na area. Concéntrome no son ata o punto de que cando o ritmo se interrompe temo que un ladrón teña levado o océano alén do Poñente. Ata que volve o chirlomirlo coa súa envolvente cadencia.

Cando as ondas morren así debe ser que a Natureza e o Home tocan xuntos: no Sur o pau da chuvia, no Norte a harpa de laranxo. Abaixo na praia alguén ri mentres remexe os negros e azuis da paisaxe cos feixes de luz dunha lanterna.

Sinto o leve peso do seu corpo espido sobre as miñas coxas: axeonllada cara min, a cabeza no meu ombreiro e a súa calor apertándome para sempre. Ergo a vista cara o mar sen deixar de acariñarlle o cabelo.

Un ponto escintila no horizonte cunha frecuencia uniforme e infalíbel. Lembro ter lido nalgures que os faros máis importantes teñen unha secuencia única, irrepetíbel, de brillos e pausas que os fai inconfundíbeis para os camiñantes das augas. Conteño a miña respiración axitada e bícoa moi perto da orella. Cúbrome coas sabas e o latexar do meu corazón busca outra volta o seu peito. Cómo te estraño.

Fóra parou a chuvia. No cuarto só se escoita o tique-taque do reloxio.

Compostela, Abril de 1997

Chuzame! chúzame -
10.44 am

Non hai comentarios »

Aínda non hai comentarios.

RSS semente para comentarios a esta anotación. | TrackBack URI
You can also bookmark this on del.icio.us or check the cosmos

Deixa un comentario

XHTML ( You can use these tags): <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <strike> <strong> .