Deuse corda
Data de publicación: 6 de Setembro de 2005Category: atlantico, contos, denuncia, lugares, raices
Isto que vai de seguido é unha historia real. Todo parecido coa ficción é pura coincidencia. Os personaxes son reais e viven ou viviron nun concello galego norteño de mediano tamaño.
Esa mañá cedo descubriron ao home aforcado no carballo máis grande que había na Fraga. Ao pé da árbore apareceu unha escada metálica que o pobre debeu carrexar desde a vila. Nada que facer. Se a corda non o houbera matado o frío que o río levaba aquela mañá teríase encargado de deixalo teso.
Despois das dilixencias e do velorio déronlle sepultura. O enterro foi unha de tantas outras ceremonias descafeinadas que hai tódolos santos días en calquera recanto do País, a medio camiño entre o sentido tradicional e as aparencias impostas polos novos tempos. Ou sexa, un sen xeito. É como se todos os galegos cando morremos fósemos ao purgatorio, nin ao ceo nin ao inferno. Moi propio.
Houbo tamén os típicos comentarios sobre se a xente prefire as maceiras, os carballos ou os castañeiros para se colgar. Un que era moi lido citou ao mestre Quintanilla, home lúcido e afable que tiña estudado aplicando métodos científicos e durante moitos anos todos os suicidios da veciña comarca de Ferrol. Así pasou a ceremonia, entre especulacións acerca de se hai unha maior frecuencia de suicidios cando está o vento do Sur, e comentarios sobre cómo é posíbel acadar unha taxa de suicidios non-fallidos tan elevada. Á fin os galegos somos eficientes nalgo.
Deixou muller e tres fillos varóns, todos con muller, casa e traballo.
Nos días seguintes na vila todo parecía transcorrer dentro da normalidade. A feira, o fútbol, algún que outro enterro… Pero ningún suicidio máis veu a perturbar a tranquilidade da poboación, co cal quedou desbotada a necesidade de artellar unhas xornadas ou conferencias sobre o dito tema e a xente pasou a ocupar a cabeza nos seus problemas e faceres cotiáns.
Así até que dalí a dúas semanas a muller do finado entrou pola Casa do Concello e pediu audiencia co Alcalde. Víaselle seria e tranquila. Sentou toda digna ela na sala de espera até que a mandaron entrar ao despacho.
O que despois pasou sábeo todo o concello. E cando digo todo o concello refírome ao concello e non ao Concello. É claro que os primeiros en enteirarse foron todos os funcionarios municipais, porque os berros e os prantos sentíronse en todo o edificio. Pero a mediodía nos bares e nas tendas non se falaba doutra cousa.
- Tendes que cortar aquel carballo -berraba a muller entre louca e rabiosa-. Tedes que cortalo! Cando paso por alí -explicaba- vexo o meu home e… e non podo!. Tedes que cortalo. Quitádelo de alí ou voume colgar eu tamén. Non o podo quitar da cabeza… Doume corda! Doume, porque non podo velo alí. Vexo a meu home e… non podo!
Tivera que subir o cabo da policía e pedir reforzos para dar sentado á muller. Tamén subiron os de protección civil e déronlle un tranquilizante, e por se acaso avisaron ao médico do centro de saúde para que a muller acalmara, pois é ben sabido que aínda hoxe un médico fai milagres.
CONTINUARÁ…
Esta anotación publicouse o Martes 6 de Setembro de 2005 ás 3.36 pm e arquivouse en atlantico, contos, denuncia, lugares, raices. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.

