A.D. sentou do lado de dous homes pretos que non pareceron notar a presenza daquel home branco con anteollos que viña de entrar no local.
A.D. pediu un zumo no mesmo intre en que tres músicos subían á tarima perante a indiferenza da clientela. O pianista era o máis vello deles, a xulgar polo cabelo branco e o seu camiñar de cego. De non ser polo traxe escuro ben podería pasar por cubano. Presentou a banda e comezaron a tocar. A.D. non seguía a música con moito interese, mais achou ritmos e cadencias que lle fixeron pensar na súa inminente saída para La Habana e Buenos Aires.
Sen se decatar A.D. tirou da chaqueta papel e lapis, e comezou a debuxar ao baterista. O máis novo e lanzal dos tres músicos, e tamén o máis preto. Debía medir dous metros. Tiña unha mandíbula que movía dun lado a outro seguindo o compás, mostrando orgulloso unha dentadura branca que semellaba xurdir da nada, tales eran a escuridade da sua pel e a da sala. A.D. pensou que nunca antes vira remoer dese xeito a ninguén. E ao pouco estaba debuxando o rostro dunha vaca.
Despois dun frío comezo os clientes comezaban a aplaudir e a berrar. A.D. reparou no terceiro dos músicos, o que tocaba o contrabaixo. Era baixo e groso, case non chegaba coa man á parte máis alta do mastro. Inclinaba o seu mostacho sobre as cordas e as estiraba e soltaba con mestría. A.D. pensou que había que tocar moi ben para arrincarlle sentimentos tan finos a un instrumento tan grave.
A.D. volveu a ollar para o músico novo, e os cariños das vasoiriñas sobre a caixa de ritmos anegaron a súa mente. Como unha onda veulle á cabeza o recordo de súa mai varrendo o chan na casa de Rianxo.
Foi entón cando A.D. se achou turbado e ergueu para marchar. Nese preciso momento o vello pianista iniciou un solo íntimo e entrañábel que lle obrigou a apurar os pasos. Saíu á rúa e encamiñouse cara ao seu cuarto entre rañaceos.
Ao carón daquela luceciña perdida na noite, na periferia da liña do ceo Manhattan, A.D. enchía o papel con outros trazos: os soños da nosa Terra.
Esta anotación publicouse o Xoves 10 de Marzo de 2005 ás 10.03 pm e arquivouse en contos, lingua, lugares, politica. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.



Un comentario a “Jazz da terra”
Sempre me produciu unha enorme fascinación imaxinar a Castelao en NY, sobre todo nese ponto da “política ficción” e o que pasaría se… Porén, nunca dei imaxinado que puidese existir unha relación co mundo do jazz. Gustoume.