Hibernia-Calidonia

Data de publicación: 4 de Marzo de 2005
Category: atlantico, lugares, raices

Ei! Isto non imita á Paris-Texas, nin é unha parodia dun Celta-Deportivo, nin un traxecto Santiago-Ourense Empalme. Tamén non ten a ver coa AN-PG nin con Ponte-Cesures. E á xentiña da VA-CA coñézoa só de bebedeiras.

Isto é simplemente un lugar para dar saída aos brinquedos dunha mente inquieta que comeza a vivir unha vida estábel. Algunha via de escape había de ter! Unha cortiza aboiando no mar con algún que outro post-it chantado nela. A versión cuántica dunha viaxe nunca encetada e xa rematada. Un euquesei, un quemaisdá e un tantotén. Xa o sabía eu, dirás.

Hibernia é o nome que daban os romanos a Irlanda, á verde Eirin. Calidonia pode ser o lugar co que soñaban os antigos habitantes da Illa. Un país alén do mar, rumbo sur, onde a terra é máis fértil e as mulleres máis fermosas. Spanish lady, spanish eyes. Estes e outros símbolos enchen os contos e os mitos celtas irlandeses. Tamén as letras de Bono/U2. A discográfica de Van Morrison chámase Caledonia, que era o nome latino da actual Escocia. E seguramente serían habitantes das illas os que chamaron Nova Caledonia a unha presa de illas oceánicas e a un territorio canadense.

Calidonia podería ser Galiza, claro. Hibernia-Calidonia. A viaxe que fixeron o clan de Maeloc, os antergos de Bretoña, os precursores de Milladoiro, os avós dos avós dos avós desas mulleres que habitan a nosa terra e que conservan aínda a arte vella de enmeigarnos e virarnos loucos sen remedio.

Non deixa de ser chocante. Nós os galeguiños, que perdemos o corazón e a cabeza soñando cos mares do sur, partillamos as nosas vidas coas galeguiñas que varren o sentido dos irlandeses. Será que sempre ollamos cara a terras cálidas? Será que somos sur? Agora voume explicando por que volveron aparecer na nosa historia as Canarias e o Brasil. Ainda que, pregúntome eu, e os brasileiros, con quen soñan?

En fin. Aquí enceta a miña viaxe. Acompáñasme?

Esta anotación publicouse o Venres 4 de Marzo de 2005 ás 9.32 pm e arquivouse en atlantico, lugares, raices. Podes seguir os comentarios desta anotación a través do fluxo RSS 2.0. Podes deixar un comentario, ou deixar un rastro desde o teu propio sitio web.

2 comentarios a “Hibernia-Calidonia”

#1

Unha cortiza aboiando no mar con algún que outro post-it chantado nela.
Moi boa metáfora, aquí deixo o meu post-it.–>

#2

Novidades.

Ao parecer as últimas noticias confirman que os visitantes celtas do Norte xa viviran antes por estas terras do sur. Tras a última glaciación e despois do desxeo a Europa do norte, e tamén as Illas, fóronse poboando con migracións procedentes do sur, tamén e sobre todo da península.

Máis aquí.

Deixa unha resposta